Quero compartir esta reflexión debido a que considero que o traballo de motivación que nos corresponde aos orientadores e orientadoras (aínda que pareza evidente), parece que as veces se nos esquece.
Creo que dependendo do tipo de entidade na que traballemos, o problema da motivación pode darse de dúas maneiras distintas:
- ENTIDADES PÚBLICAS:
Nalgúns casos, a falla de obxectivos, a seguridade no emprego, os sistemas retributivos fixos e a facilidade de flexibilidade horaria, provocan no funcionariado público unha perda de motivación de cara ao seu traballo.
Iso se reflicte no servizo que se lle presta ás persoas asistentes ás sesións de orientación, programas de emprego...etc, ou incluso éstas nin se chegan a decatar de que teñen este tipo de opcións para mellorar a súa empregabilidade ou encontrar traballo.
Falariamos neste caso dunha desmotivación bidireccional, xa que a falla de motivación da persoa orientadora, repercute negativamente na orientada.
- ENTIDADES PRIVADAS:
Se a falla de obxectivos pode ser a causa da mala práxis do persoal das entidades públicas, pola contra, nas entidades privadas a carga de traballo (traballo administrativo, xustificación de gastos...) e o feito de cumplir obxectivos de contratación, realización de formacións e sesións de orientación "obrigatorias", poden provocar que se perda a esencia principal da nosa labor: motivar e dotar de ferramentas ás persoas para mellorar a súa situación laboral.
Moitas das persoas que asisten a programas de emprego o fan polo único motivo de seguir cobrando unha prestación ou subsidio mínimo.
É tarefa dos orientadores e orientadoras asesorar ás persoas usuarias para mostrarlles novos camiños que poidan mellorar a súa situación actual, priorizando as tarefas segundo a orde de relevancia para a vida das mesmas.
Considero que para este traballo, hai tres factores que son clave:
- A vocación: Alguén que non teña por paixón axudar ás persoas e servir de guía, non pode desenvolver o traballo de orientación laboral de maneira efectiva.
- A empatía: Normalmente, as persoas que acuden as nosas sesións de orientación, atópanse en situacións máis difíciles que a nosa. Saber poñerse na súa situación é fundamental para axudarlles a trazar un novo camiño
- Coñecemento do mercado: É moi importante coñecer tanto os sectores profesionais, coma o tipo de axudas, programas e accións ás que poden acceder as persoas usuarias para establecer un itinerario axustado a cada situación persoal.
Grazas por dedicarlle uns minutos e un saúdo compas!
PARA SABER MÁIS:
No hay comentarios:
Publicar un comentario